5 Igualdade de Xénero
A igualdade de xénero non só é un dereito humano fundamental, senón que é un dos fundamentos esenciais para construír un mundo pacífico, próspero e sostible.
Conseguíronse algúns avances durante as últimas décadas: máis nenas están escolarizadas, e obrígase a menos nenas ao matrimonio precoz; hai máis mulleres con cargos en parlamentos e en posicións de liderado, e as leis estanse reformando para fomentar a igualdade de xénero.
A pesar destes logros, aínda existen moitas dificultades: as leis e as normas sociais discriminatorias continúan sendo xeneralizadas, as mulleres seguen estando infrarrepresentadas a tódolos niveis de liderado político, e 1 de cada 5 mulleres e nenas de entre 15 e 49 anos afirma ter sufrido violencia sexual ou física a mans dunha parella íntima nun período de 12 meses.
Os efectos da pandemia da COVID-19 poderían reverter os escasos logros que se acadaron en materia de igualdade de xénero e dereitos das mulleres. O brote de coronavirus agrava as desigualdades existentes para as mulleres e nenas a nivel mundial; desde a saúde e a economía, ata a seguridade e a protección social.
As mulleres desempeñan un papel desproporcionado na resposta ao virus, incluso como traballadoras sanitarias en primeira liña e como coidadoras no fogar. O traballo de coidados non remunerado das mulleres aumentou de xeito significativo como consecuencia do peche das escolas e o aumento das necesidades dos anciáns. As mulleres tamén se ven máis afectadas polos efectos económicos da COVID-19, xa que traballan, de maneira desproporcionada, en mercados laborais inseguros. Preto do 60 % das mulleres traballa na economía informal, o que as expón aínda máis a caer na pobreza.
A pandemia tamén conduciu a un forte aumento da violencia contra as mulleres e as nenas. Coas medidas de confinamento en vigor, moitas mulleres atópanse atrapadas na casa cos seus abusadores, con dificultades para acceder a servizos que están padecendo recortes e restricións. Os novos datos mostran que, desde o brote da pandemia, a violencia contra as mulleres e as nenas (e, especialmente, a violencia doméstica) intensificouse.