Volver

14 Vida Submarina

O océano impulsa os sistemas mundiais que fan da Terra un lugar habitable para o ser humano. A nosa choiva, a auga potable, o tempo, o clima, os litorais, gran parte da nosa comida e incluso o osíxeno do aire que respiramos proporciónaos e regúlaos o mar.

Unha xestión coidadosa deste recurso mundial esencial é unha característica clave dun futuro sostible. Non obstante, na actualidade, existe un deterioro continuo das augas costeiras debido á contaminación e á acidificación dos océanos que está tendo un efecto adverso sobre o funcionamento dos ecosistemas e a biodiversidade. Así mesmo, tamén está tendo un impacto prexudicial sobre as pesqueirías de pequena escala.

Protexer os nosos océanos debe seguir sendo unha prioridade. A biodiversidade mariña é vital para a saúde das persoas e do noso planeta. As áreas mariñas protexidas deben xestionarse de maneira efectiva, ao igual que os seus recursos, e débense poñer en marcha regulamentos que reduzan a sobrepesca, a contaminación mariña e a acidificación dos océanos.

Temas máis activos

Agora mesmo non hai temas
14.1
De aquí a 2025, previr e reducir significativamente a contaminación mariña de todo tipo, en particular a producida por actividades realizadas en terra, incluídos os detritos mariños e a polución por nutrintes.
14.2
De aquí a 2020, xestionar e protexer sostiblemente os ecosistemas mariños e costeiros para evitar efectos adversos importantes, incluso fortalecendo a súa resiliencia, e adoptar medidas para restauralos a fin de restablecer a saúde e a produtividade dos océanos.
14.3
Minimizar e abordar os efectos da acidificación dos océanos, incluso mediante unha maior cooperación científica a tódolos niveis.
14.4
De aquí a 2030, regulamentar eficazmente a explotación pesqueira e poñer fin á pesca excesiva, á pesca ilegal, non declarada e non regulamentada e as prácticas pesqueiras destrutivas, e aplicar plans de xestión con fundamento científico a fin de restablecer as poboacións de peces no prazo máis breve posible, ao menos alcanzando niveis que poidan producir o máximo rendemento sostible de acordo coas súas características biolóxicas.
14.5
De aquí a 2030, conservar ao menos o 10% das zonas costeiras e mariñas, de conformidade coas leis nacionais e o dereito internacional e sobre a base da mellor información científica dispoñible.
14.6
De aquí a 2030, prohibir certas formas de subvencións á pesca que contribúan a sobrecapacidade e a pesca excesiva, eliminar as subvencións que contribúan á pesca ilegal, non declarada e non regulamentada e absterse de introducir novas subvencións desa índole, recoñecendo que a negociación sobre as subvencións á pesca no marco da Organización Mundial do Comercio debe incluír un trato especial e diferenciado, apropiado e efectivo para os países en desenvolvemento e os países menos adiantados ¹ (¹ Tendo en conta as negociacións en curso da Organización Mundial do Comercio, o Programa de Doha para o Desenvolvemento e o mandato da Declaración Ministerial de Hong Kong).
14.7
De aquí a 2030, aumentar os beneficios económicos que os pequenos Estados insulares en desenvolvemento e os países menos adiantados obteñen do uso sostible dos recursos mariños, en particular mediante a xestión sostible da pesca, a acuicultura e o turismo.
14.A
Aumentar os coñecementos científicos, desenvolver a capacidade de investigación e transferir tecnoloxía mariña, tendo en conta os Criterios e Directrices para a Transferencia de Tecnoloxía Mariña da Comisión Oceanográfica Intergobernamental, a fin de mellorar a saúde dos océanos e potenciar a contribución da biodiversidade mariña ao desenvolvemento dos países en desenvolvemento, en particular os pequenos Estados insulares en desenvolvemento e os países menos adiantados.
14.B
Facilitar o acceso dos pescadores artesanais aos recursos mariños e os mercados.
14.C
Mellorar a conservación e o uso sostible dos océanos e os seus recursos aplicando o dereito internacional reflexado na Convención das Nacións Unidas sobre o Dereito do Mar, que constitúe o marco xurídico para a conservación e a utilización sostible dos océanos e os seus recursos, como se recorda no paragrafo 158 do documento “O futuro que queremos”.
Este obxectivo non ten metas localizadas