10 Redución das Desigualdades
Reducir as desigualdades e garantir que ninguén se queda atrás forma parte integral da consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.
A desigualdade dentro dos países e entre estes é un continuo motivo de preocupación. A pesar da existencia dalgúns indicios positivos cara a redución da desigualdade nalgunhas dimensións, como a redución da desigualdade de ingresos nalgúns países e o estatus comercial preferente que beneficia aos países de baixos ingresos, a desigualdade aínda continúa.
A COVID-19 intensificou as desigualdades existentes e afectou máis que ninguén aos pobres e ás comunidades máis vulnerables. Sacou á luz as desigualdades económicas e as fráxiles redes de seguridade social que fan que as comunidades vulnerables teñan que sufrir as consecuencias da crise. Ao mesmo tempo, as desigualdades sociais, políticas e económicas amplificaron os efectos da pandemia.
Na fronte económica, a pandemia da COVID-19 aumentou significativamente o desemprego mundial e recortou drasticamente os ingresos dos traballadores.
A COVID-19 tamén pon en risco os escasos avances que se conseguiron en materia de igualdade de xénero e dereitos das mulleres durante as últimas décadas. Practicamente en tódolos ámbitos, desde a saúde ata a economía, desde a seguridade ata a protección social, os efectos da COVID-19 agravaron a situación das mulleres e as nenas simplemente como consecuencia do seu sexo.
As desigualdades tamén están aumentando para as poboacións vulnerables en países con sistemas sanitarios máis deficientes e en países que se enfrontan a crises humanitarias existentes. Os refuxiados e os migrantes, así como os pobos indíxenas, os anciáns, as persoas con discapacidade e os nenos atópanse especialmente en risco de ser excluídos. Ademais, o discurso de odio dirixido aos grupos vulnerables está en aumento.